CRTVG

Buscar

As autonomías buscan espazos grandes para a vacinación masiva

Publicado o 07/02/2021 20:37

O presidente da Generalitat valenciana explica que a vacinación masiva aínda non é un asunto prioritario. Esta mesma semana van recibir 60.000 doses destinadas á inmunización dos grupos de risco. Pero Ximo Puig admitiu que, con vistas ao mes de abril, están pensando en buscar espazos que permitan unha vacinación masiva. Segundo o presidente valenciano, a loxística non é doada porque hai que ter en conta que os viais esixen unhas condicións determinadas de transporte e conservación.

Ximo Puig, presidente da Generalitat valenciana: "A vacinación masiva tamén deberá atender a esta loxistica, pero por suposto imos escoitar todas as peticións que xa están chegando de multitude de entidades que queren colaborar e tamén sobre todo as empresas, que vai ser moi importante para que finalmente cando teñamos as vacinas, vacinemos o máis axiña posible".

En Cataluña, o Goberno xa se reuniu cos reitores das universidades para habilitar os campus. E noutras cidades ofreceron estadios de fútbol, polideportivos, pavillóns ou grandes hospitais coma o Isabel Zendal de Madrid. En Granada non descartan habilitar a praza de touros. Os expertos lembran que a mellor opción son os espazos abertos, ao aire libre, que permitan ringleiras de persoas coa separación suficiente.

Noticias web

07/02/2021