As autoescolas recuperan a actividade e priorizan as clases en liña
Recuperan a actividade as autoescolas, malia que dándolles prioridade ás clases en liña. Nun primeiro momento, xa esta semana, van examinarse só da parte teórica as persoas que precisen recuperar o carné de conducir, logo de perder os puntos, ou os carnés de mercadorías perigosas.
Suso Cernadas, responsable da autoescola Montecarlo, di que como os alumnos "tiñan a posibilidade de facer clases virtuais, a resposta foi boa".
A apertura faise cumprindo o protocolo establecido: "Un terzo da capacidade, máscaras, luvas, xeles hidroalcólicos, todo", apunta Cernadas.
Como será a volta dos exames? "Vai ser de xeito progresivo, comezaremos a semana que vén, posiblemente, cos teóricos. Na seguinte semana comezarían os circuítos pechados e xa na terceira semana sería cando comezarían os exames prácticos".
Neste caso cómpre extremar as medidas de seguridade, xa que nos exames prácticos viaxan no vehículo o examinador, o profesor da autoescola e o alumno.
"Hai que levar máscaras, luvas... O alumno vai achegar o seu DNI e presentarao sen que o teña que tocar o examinador, e outras medidas establecidas", indica Suso Cernandas, responsable da autoescola Montecarlo.
"En cada exame hai que ventilar o vehículo e facer unha limpeza con xel hidroalcólico ou algún tipo de solución para volante, panca de cambios e todos os mandos que toquen os alumnos", di o responsable da autoescola.
Ante a pregunta de se este cesamento da actividade supuxo perdas para o sector, Cernadas di que si, "perdas moi importantes" e que incluso "haxa algunha autoescola que non abra".
Xuño é un mes no que adoita haber bastante demanda, sobre todo de rapaces que rematan o instituto, coa ilusión de comezar a sacar o carné.
"Todos os anos na época de maio e xuño é cando se fan a maior parte das matrículas. Esperamos que este ano haxa un pouco de resposta", apunta Cernadas.