CRTVG

Buscar

As augas termais, beneficiosas contra as doenzas respiratorias en nenos

Publicado o 08/04/2018 21:30

O tratamento con augas termais consegue reducir, considerablemente, o uso de antibióticos para paliar as enfermidades respiratorias en nenos. Así o confirman os pais dos rapaces que probaron esta terapia  estes días no balneario. 

Dous de cada tres nenos que probaron esta terapia repetiron na seguinte campaña. E é que as augas termais resultan beneficiosas tamén no tratamento de enfermidades respiratorias. Así o demostran as estatísticas do Balneario Termas de Cuntis, onde están a desenvolver xa a oitava campaña de terapia infantil neste eido. 

Eva Graña, coordinadora do Balneario Termas de Cuntis: "É para nenos de entre 5 e 16 anos. É a oitava campaña que facemos e facemos dúas ao ano, unha en primavera, que está sendo agora, e outra en outono. Dura once días, pasan consulta o primeiro día e xa se fai un seguimento médico. Está indicado para doenzas de tipo respiratorio, asma bronquial, sinusitis, alerxia...".

Combinan a inhalación e o aerosol dos vapores das augas, con baños termais e actividades terapéuticas con fisioterapia na piscina. Deste xeito os rapaces conseguen unha notable melloría, reducindo a tos e os mocos.

Fala a nai dunha nena con problemas respiratorios: "Pois mala respiración, continuos mocos e iso levaba a infecións respiratorias, febre e demais. Pasou das visitas continuas ao médico, a unha crise durante todo o ano".

A terapia con aguas termais non ten efectos secundarios. Mediante este tratamento natural, os pais confirman que reduciron considerablemente as visitas ao médico e o uso de antibióticos. O tratamento, que dura once días, ten un custo de 130 €.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/04/2018