CRTVG

Buscar

As asesorías administrativas están desbordadas ante un escenario laboral inédito

Publicado o 05/04/2020 15:03

O contexto económico aparece traspasado polas regulacións de emprego, polo de agora na súa vertente temporal. Os principais sindicatos coinciden en que estamos ante un escenario laboral sen precedentes. Mentres, os xestores administrativos enfróntanse a moitas dúbidas sobre todo dos empresarios, tendo en conta que nos ERTE os trámites por parte dos traballadores son moi limitados.

"A preocupación é salvar a empresa, salvar a estrutura, e as consultas teñen que ver co tipo de procedemento que hai que aplicar. Neste sentido, ata o de agora era se aplicar un expediente de regulación de emprego por causa de forza maior ou por razóns económicas ou produtivas", sinala Alberto Rocha, xestor e asesor económico.

Dese primeiro escenario xa se está pasando a outro no que preocupa directamente a viabilidade a medio prazo de moitas empresas: "Algunhas empresas están mesmo vendo escenarios de peche ou de reestruturación moi forte. Iso leva a que moitas consultas estean derivando a expedientes de regulación de emprego definitivos ou mesmo a situacións de concurso, de concurso de acredores", segundo a versión de Alberto Rocha.

Xestorías e asesorías laborais están desbordadas de traballo nun marco no que imperan as dúbidas legais."Os últimos reais decretos están absorbendo o oitenta por cento da xestión dos despachos e estannos deixando unha inseguridade xurídica como nunca nos pasara. Malia iso, tamén quero deixar claro que os xestores administrativos estamos tramitando en prazo o cen por cento dos expedientes", explica Rosa López, que forma parte do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia.

Estes asesores sosteñen que sen a súa achega nestas semanas, a Administración de Traballo colapsaría.

Noticias web

05/04/2020