CRTVG

Buscar

As riadas en Europa deixan xa 170 mortos e buscan centos de desaparecidos

Publicado o 17/07/2021 20:49

O presidente de Alemaña visitou os equipos de rescate dunha das zonas máis danadas polas inundacións, á espera de que mañá acuda a chanceler Angela Merkel, a quen a catástrofe colleu en viaxe oficial nos Estados Unidos. O presidente Steinmeier dicía que aínda que a auga está retrocedendo probablemente só será posible ver o dano real cando pasen uns días.

De feito, o maior dos danos, os mortos, dáse por seguro que irán en aumento xa que son centos os desaparecidos. Hai moitos sitios onde buscalos, baixo os cascallos, nos sotos, nos leitos dos ríos, nos coches varados en vías anegadas. Un xefe de bombeiros explicaba que nos vehículos que rexistraran nesta autoestrada non atoparan de momento vítimas e que tiñan a esperanza de que todos escapasen a tempo.

Os técnicos estiman que se tardará meses ou mesmo anos en restaurar os estragos materiais. Pontes, estradas, vías férreas, casas e negocios quedaron arrasados. Moitos perdérono todo.

En Bélxica, o segundo país máis afectado polas inundacións, o primeiro ministro tamén se achegou a falar cos damnificados, en compaña da presidenta da comisión europea. Aquí hai constancia de máis dunha vintena de mortos pero tamén se teme que a cifra definitiva sexa maior.

Noticias web

17/07/2021