CRTVG

Buscar

As árbores da praza Pintor Manuel Colmeiro da Coruña ameazan as vivendas de dezaseis familias

Publicado o 16/11/2020 14:23

Dúas árbores están a causar problemas na praza Pintor Manuel Colmeiro na Coruña. Hai dous edificios afectados onde os veciños levan tempo loitando contra os danos que lles causan nas vivendas. Agora as raíces xa lles entran nos sotos e rebéntanlles as tubaxes.

Nos portais 10 e 12 da coñecida como segunda fase da Coruña están nun desacougo constante por culpa destas árbores. Din que despois de deixalas practicamente soterradas coa terceira rolda están totalmente esquecidas e teñen todo tipo de problemas. Mesmo as raíces lles entran polas paredes e rebentan as tubaxes dos sumidoiros.

E os veciños din que é un castiñeiro que non debería estar a carón das casas: "Levamos loitando anos e anos. Prexudica un soto que temos no edificio. E hai como catro ou cinco días eu caín e manqueime e que nos da moitos problemas".

María Pombo, vogal da Asociación de Veciños, di que aquí os veciños levan tempo protestando e agora as raíces chegan ao edificio. "A árbore se non a poden cortar que a poden ou arranxen pero que por favor que faigan algo polos veciños. A herba xa ven como está que non se lembra ninguén de vir limpar".

"Servizos de segunda"

​Aquí viven 16 familias que están fartas de queixarse no Concello dende hai anos e todo segue igual. Din que de todas as administracións tiveron atención cero. Os barrios, aseguran, teñen servizos de segunda.

Pombo asegura que diante dos portais hai auga todo o inverno e fai unha poza: "Alí está o chan verde. E xa non sabemos que facer. Chamamos ao 010, presentamos unha reclamación por rexistro e agora din que é polo coronavirus que vai lentos, pero antes non a había e era o mesmo".

Mentres as cousas están sen facer, de momento as árbores seguen medrando e os problemas... tamén.

Noticias web

16/11/2020