CRTVG

Buscar

As ameixeiras no pazo do Faramello anuncian a primavera

Publicado o 18/02/2021 17:42

Din os que saben disto que a floración das ameixeiras marca a entrada da primavera porque son quen de florecer aínda que sexa en medio da neve. Por iso din no Xapón que son a promesa da primavera, é decir, que non importa que tan mal vaian as cousas porque a primavera sempre chega. Iso é o que está a pasar no pazo do Faramello, o máis visitado de toda Galicia e con longa tradición xaponesa mesmo desde o reinado de Alfonso XIII, para quen, por certo, foi residencia de estío. 

A primavera non empeza ata o 20 de marzo, pero xa está amosando sinais de proximidade. O inverno deixou atrás o seu ecuador e as temperaturas dos últimos días favorecen a floración de froiteiras, coma estas ameixas do pazo do Faramello, en Rois, preto de Santiago, que florecen aínda que neve, segundo os xaponeses.

"Os xaponeses trouxeron aquí as ameixeiras e déronse conta de que todo o que traían do Xapón se daba aquí moi ben. Din que a primavera en Galicia empeza cando florecen as ameixeiras do Faramello. Este ano a floración é marabillosa", di o proppietario do pazo, Gonzalo Rivero de Aguilar

O espectáculo dura como moito tres semanas, se o tempo non frea o proceso. Este ano é probable que non se poidan visitar debido ás restricións da pandemia. En calquera caso non son as únicas árbores que están a florecer en Galicia. Hai outras, froiteiras e non froiteiras, que anuncian a primavera noutras partes do territorio.

Noticias web

18/02/2021