As ambulancias esíxenlle á AP-9 non pagar a peaxe estando de servizo
20.000 euros ao mes son os que as empresas de ambulancias deixan nas peaxes galegas. Unha cantidade que, segundo a lei de Estradas do 2015, están exentos de aboar e que, segundo denuncia a Patronal Galega de Ambulancias, se lles segue a cobrar. O propio Ministerio de Fomento chamou a atención no 2018 sobre este asunto.
Enrique Blanco, presidente da Patronal Galega de Ambulancias: "O propio Ministerio de Fomento sacou unha aclaración da lei na que deixa clara e evidente que nós tiñamos razón e que as ambulancias estás exentas de pagar nas peaxes sempre e cando estén a facer unha actividade para a cal teñen autorización".
Dende Audasa, concesionaria da AP-9, responden que se ateñen a un convenio do 2009, baseado na lei do ano 1988. Na lei actual, do 2015, cítanse textualmente como casos de excepción de pago, entre máis vehículos, as propias ambulancias durante o seu traballo.
Enrique Blanco, presidente da Patronal Galega de Ambulancias: "Se non a cumpren verémonos na obriga de reclamar todos os pagos efectuados ata hoxe dende o 2015".
As empresas de ambulancias galegas sosteñen que, de momento, non recibiron resposta de Audasa e seguen á espera dunha solución.