CRTVG

Buscar

As altas temperaturas de 2019 alertan sobre a urxencia das medidas contra o cambio climático

Publicado o 17/01/2020 09:16

2019 foi o ano máis caloroso en Europa desde que comezaron os rexistros de temperatura, en 1880. Son datos que achega o satélite Copérnico e que veñen confirmar o cambio climático como unha evidencia científica. Se non se actúa de inmediato, avisan os expertos, as consecuencias do incremento da temperatura global sobre o noso modo de vida serán imprevisibles.

O planeta é cada vez máis quente. Estamos xa dous graos Fahrenheit de media por riba do ano 1880, que é cando comezaron os rexistos. Europa marcou en 2019 o tope de temperatura, 2016 foi o ano máis quente da historia a nivel global e os cinco anos máis cálidos son precisamente os últimos cinco anos.

"Canto máis atrasemos a solución, máis difícil será atallar as consecuencias", explica o divulgador científico David Atten Boroug. Mentres, Australia admite no medio da devastación que os incendios forestais que asolaron o continente están relacionados co incremento da temperatura global, como o están os fenómenos meteorolóxicos extremos, as secas, as migracións e a aceleración na desaparición de especies.

"Soben as temperaturas, desxéanse os polos, sobe o nivel do mar e as mortes que acelera a contaminación do aire cóntase por ducias de miles cada ano", denuncian manifestantes contra o cambio climático, onte mesmo en Madrid.

Barcelona declara a emerxencia climática e as cidades pequenas comezan a pensar en acoutar tamén zonas libres de emisións. Os manifestantes demandan dos gobernos medidas inmediatas.

Pero tamén hai reticencias á redución das emisións. Atopounas onte mesmo a ministra de Industria nunha reunión con empresarios en Bilbao, preocupados pola repercusión que pode ter no futuro industrial. 

"A prioridade é unha transición xusta e inclusiva que debe conducirnos á neutralidade climática en 2050", díxolles Reyes Maroto.

Mentres, xigantes como Microsoft soben a onda de loita contra o quentamento e prometen borrar a súa pegada de carbono. Unha idea que secundan nos Estados Unidos 500 grandes empresas, convencidas de que o desenvolvemento ligado ás emisións ocasionará máis perdas que beneficios, unha idea que manteñen neste caso, malia as reticencias do seu presidente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/01/2020