As adegas volven recibir pedidos do mercado asiático
Vía Romana é a máis coñecida das adegas de Vinigalicia, pero este grupo empresarial, con sede en Chantada, conta con adegas nas cinco denominacións galegas e abrangue tamén licores e destilados.
Cunha produción de 12 millóns de botellas ao ano, estes días están a traballar ao ralentí debido á caída de pedidos ante o peche da actividade hosteleira ocasionada polo coronavirus:
"A verdade é que esta crise nos está afectando moito, aínda que nós temos tamén a fortuna de que traballamos para alimentación e para exportación e algo de traballo temos, aínda que unha das nosas principais patas de negocio, a hostelería, está absolutamente a cero e estamos perxudicados, obviamente", di Juan Luis Méndez, xerente do grupo Vinigalicia.
Presentes en 24 países, xa tiveron cancelacións de mercados coma Rusia ou Cuba. Na parte positiva, o mercado asiático semella reactivarse, e esta semana recibiron un novo pedido de Taiwán: "Estamos vendo que nos países asiáticos os importadores empezan a pedir, empezan a ver algo de normalidade, certas ganas de volver á normalidade. Hai que transmitir estas boas novas, e isto que empeza en Asía, como está comezando agora, en poucos días, en poucas semanas, que chegue a todo o mundo."
Con 50 traballadores, a súa prioridade é manter o emprego.