As adegas empezan a facer simulacros de vendima anticovid
Estamos case ás portas da vendima, pero este ano ningunha actividade escapa aos protocolos que esixe a pandemia do coronavirus. Algunhas adegas mesmo fan simulacros para comprobar que todo se fai coas máximas garantías de seguridade.
A máscara será obrigatoria para todo o persoal que, cada día, pasará un control de temperatura e disporá de produtos de desinfección. Ademais reducirase o contacto físico entre os traballadores. Non estarán a menos de dous metros de distancia, cos viñedos organizados por tramos e con grupos de operarios identificados por cores.
Con estas medidas a Adega Marqués de Vizhoja quere garantir a seguridade dos seus traballadores na recolección, selección e transporte da uva. É a prioridade nunha vendima, atípica.
Marqués de Vizhoja é a primeira adega galega en poñer en marcha un sistema de vendima anticovid. Hoxe ensaiouno con 25 traballadores, pero cando comece a colleita afectará a máis de 150.