CRTVG

Buscar

Primeiro día de paro en todas as actividades consideradas non esenciais

Publicado o 30/03/2020 07:24

• O Goberno dá este luns de marxe ás empresas para deter a actividade

• Casado advirte de que non apoiará os decretos se non hai cambios

• Quen ten que ir traballar desde este luns ao 9 de abril?

Sánchez anunciou o sábado pola tarde a paralización de toda actividade non esencial. E dende aquela varios departamentos estiveron traballando para concretalo. O Goberno destaca as dificultades dese traballo técnico e di que por iso publicaron o decreto preto das doce da noite. Negan discrepancias dentro do Executivo.

Recoñecen que paralizar case todo a actividade é unha medida dura pero necesaria. E que a semana pasada non a contemplaban porque van actuando ao ritmo da pandemia. E avanzan que mañá aprobarán novas medidas no Consello de Ministros.

Dende o Partido Popular, critican a maneira en que se ampliaron as restricións e cren que o PSOE está adoptando as teses de Podemos.

As actividades consideradas non esenciais permanecerán paralizadas desde este luns e ata o 9 de abril a fin de reducir aínda máis a mobilidade e o risco de infeccións e tratar de evitar o colapso nas UCI cando chegue o pico de contaxios.

O Goberno permitirá ir traballar este luns 30 de marzo a empregados que, aínda estando incluídos nos supostos do permiso retribuído, teñan que realizar tarefas necesarias para a interrupción adecuada da actividade, o cal pode afectar sobre todo a algunhas industria e á construción.

Segundo o real decreto-lei publicado pouco antes da medianoite no Boletín Oficial do Estado (BOE), que fixa este permiso pensado para limitar máis a actividade ante a pandemia do coronavirus, nos casos en que resulte "imposible interromper de modo inmediato a actividade" os traballadores poderán prestar servizos o 30 de marzo.

O único propósito, engade, será "levar a cabo as tarefas imprescindibles para poder facer efectivo o permiso retribuído recuperable sen prexudicar de maneira irremediable ou desproporcionada a continuación da actividade empresarial".

A medida foi aprobada onte nun Consello de Ministros extraordinario que estableceu que todos os traballadores afectados terán un permiso retribuído "recuperable", o que lles permitirá recibir o seu salario "con normalidade" e, cando pase o período de cesamento de actividade, recuperar as horas "de maneira paulatina".

Exceptúase as actividades xa consideradas esenciais na declaración de alarma, como sanitarios, forzas e corpos de seguridade, o sector agroalimentario ou o transporte de mercadorías.

Tamén se establecen máis dunha trintena de excepcións polas calesd poderán seguir acudindo ao posto de traballo empregados domésticos, repartidores, caixeiros de supermercado, a restauración para entrega a domicilio, os que traballan en centros de maiores ou quiosqueiros.

O funcionamento do permiso asimílase a unha distribución irregular da xornada: o traballador percibirá integramente todos os conceptos do seu salario aínda que permaneza no seu domicilio e despois terá que recuperar todas as horas cobradas e non traballadas.

Neste período manteranse vixentes todas as obrigacións de empresas e traballadores de pagamento das cotas e demais conceptos de recadación conxunta.

Para a recuperación destas horas, o Goberno dá de prazo ata o 31 de decembro. Esta realizarase por acordo entre a empresa e os traballadores, sempre respectando os períodos mínimos de descanso diario e semanal, a xornada máxima anual e os dereitos de conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Desde a patronal, temen que esta medida provoque unha destrucción masiva do tecido empresarial e do emprego. Nun comunicado asinado pola CEOE e CEPYME, aseguran que as novas medidas serán prexudiciais para o equilibrio económico, a saúde das contas públicas, aumentará o déficit, din, e reducirán a confianza dos investidores.

Desde a Federación Nacional de Autónomos, advirten de consecuencias catastróficas e piden axuda ao Goberno.

Desde o PP e Ciudadanos criticaron a tardanza en publicar os sectores afectados por esta medida. O presidente popular, Pablo Casado, escribía en twitter ás once da noite que era inadmisible que millóns de traballadores non soubesen se hoxe tiñan que ir traballar e en qué condicións. E engadía, os españois non merecen máis mentiras, incompetencia e loitas internas. Inés Arrimadas, líder de Ciudadanos, escribía na mesma liña. "Con algo así non se pode improvisar nin xerar incerteza, dixo. Os españois merecen garantías e tranquilidade.