As academias de oposicións constatan un incremento das matriculacións
A piques de comezar setembro, a actividade non cesa na secretaría do centro Premir de Santiago. O xefe de estudos, Roberto Rey, asegura que as matriculacións para preparar oposicións medraron ata un 20 por cento.
Nótase, sobre todo, en educación. A oferta xa está aprobada. Hai 1.600 prazas, pero aínda non se coñecen as especialidades. A apertura de listas durante a pandemia animou moitas persoas a anotarse.
En sanidade acumuláronse varias ofertas este ano e hai máis de 3.000 prazas convocadas. A demanda aumentou, sobre todo, para os postos de servizos xerais e auxiliares administrativos, corpos que non precisan titulación específica.
Na academia Nós, tamén con centros en toda Galicia, confirman un incremento do 20 por cento. O éxito das clases telemáticas durante a pandemia tamén están a impulsar as matriculacións, xa que boa parte do alumnado ten que compatibilizar as clases co traballo.