As "700 camisetas contra a leucemia" piden máis doazóns de medula ósea
Medio milleiro de persoas percorreron este domingo o traxecto de Vigo a Pontevedra nunha nova edición da marcha solidaria "700 camisetas contra a leucemia". O obxectivo é sensibilizar e informar a sociedade da importancia de doar medula ósea e sangue do cordón umbilical.
Participou xente anónima e membros de Discamiño, que fixeron os 36 quilómetros entre ambas as dúas cidades para concienciar a poboación. Este movemento, que seguen en redes sociais máis de 18.000 persoas en todo o mundo, logrou hoxe aumentar a 450.000 as doazóns en España.
Saben que a cifra aínda é insuficiente para poder chegar a todas esas persoas que anualmente precisan un transplante. Por iso, sen esquecer as persoas que xa non están, pasiño a pasiño e pedalada a pedalada, divulgaron o seu lema por cada un dos concellos polos que pasaron.
Van seguir traballando, berrando e camiñando para lograr máis doadores. Da man da investigación, que xa está poñendo en marcha tratamentos que evitan o transplante, queren pór en valor unha acción altruísta que é capaz de salvar vidas.