CRTVG

Buscar

Bos días

A Arxentina pide axuda financeira ao FMI

Publicado o 09/05/2018 09:40

O Goberno arxentino pide axuda ao Fondo Monetario Internacional para tentar frear a depreciación da moeda local, que xa suma un 15% na última semana, e estabilizar os mercados. O presidente, Mauricio Macri, di que se trata dunha medida preventiva para evitar unha crise como a que xa sufriu A Arxentina.








ENTRADIÑA

Cunha breve mensaxe institucional dende a Casa Rosada, o presidente arxentino anunciou o inicio de conversas co Fondo Monetario Internacional para que brinde apoio financeiro ao país de xeito preventivo para dotar dunha maior estabilidade o mercado e poder así seguir co seu programa gradualista de axuste. A decisión chega despois dunha semana marcada pola forte volatilidade cambiaria na Arxentina, cunha devalorización do peso que acumulou ata un 8% nunha única xornada, e iso nun país extremadamente dependente do prezo do dólar xera pánico entre os investidores.

PEZA

De nada serviu a intervención do Banco Central nin a suba ata o 40% da taxa de interese, os mercados non acaban de confiar na Arxentina e Macri non pode manter a súa política sen financiamento externo, por iso lle pide axuda ao FMI.

CORTE: MAURICIO MACRI - PRESIDENTE DA ARXENTINA
"De maneira preventiva decidín iniciar conversacións co Fondo Monetario internacional para que nos outorgue unha liña de apoio financeiro. Hai minutos falei coa súa directora, Christine Lagarde, e confirmounos que imos comezar a traballar hoxe mesmo nun acordo".

Pola súa banda, o ministro de Facenda apuntou, unha vez máis, ás devastadoras finanzas herdadas do kirchnerismo e a un contexto internacional máis complexo para as economías emerxentes. O préstamo podería ascender a 30 mil millóns de dólares.

CORTE: Nicolás Dujovne - Ministro de Facenda
"É o financiamento máis barato que temos dispoñible, o Fondo presta a taxas que son inferiores ás de mercado. As taxas internacionais subiron e isto non aumenta o endebedamento da Arxentina porque simplemente reempraza outro financiamento que é máis caro e reforza a solvencia da Arxentina"

Tras o anuncio freouse a suba do dólar pero a bolsa pechou novamente cunha forte caída.

Recorrer ao FMI, vello coñecido dos arxentinos durante a crise do 'corralito', terá un custo político para o Goberno, que fai así un novo intento por lanzar unha mensaxe de confianza ao mundo a pesar do ocorrido nos últimos días, onde se evidencia que A Arxentina segue a ser unha das economía máis fráxiles da rexión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

09/05/2018