Artistas internacionais participan no III Simposio Internacional de Escultura do río Miño
Se queren ver en directo, cara a cara, como é o proceso creativo da escultura, anoten: III Simposio Internacional de Escultura do Río Miño. Acaba de empezar, está na beira do río, no Espazo Fortaleza de Goián. E participan seis escultores de varios países, seleccionados entre preto dunha vintena de artistas.
Zhao Li é unha das artistas que participan no proxecto. Vén desde China e di que se sente moi afortunada. A súa escultura é unha representación do río Miño ao seu paso por Goián.
En total son 6 artistas de países como Italia, Estados Unidos, China e Bulgaria os que participan no III Simposio Internacional de Escultura do Río Miño. Foron seleccionados entre os preto dunha vintena de proxectos que se presentaron nesta edición.
Toman medidas e debuxan sobre as pedras ás que nos próximos días lles irán dando forma. Traballan ao aire libre e calquera pode observar o proceso de creación de cada peza no Espazo Fortaleza de Goián, onde estarán ata finais deste mes. O encontro celébrase cada dous anos alternando a localización entre os concellos organizadores Tomiño e Vilanova de Cerveira. Unha vez finalizadas as esculturas, quedarán expostas de xeito permanente en ambos os dous municipios.