CRTVG

Buscar

A Revista

Artesáns de orixe galega promoven instrumentos tradicionais na Feira de Luthería de Bos Aires

Publicado o 22/05/2017 12:53

Artesáns de orixe galega están a promover algúns dos nosos instrumentos tradicionais na Feira de Luthería de Bos Aires, organizada polo Goberno arxentino e que reúne cada ano os mellores profesionais do sector.

As portas do Centro Cultural Kirchner de Bos Aires ábrense para os 60 mellores artesáns do país na Feira de Luthería que organiza o Goberno Arxentino.

Un evento no que atoparemos algúns dos nosos instrumentos tradicionáis máis emblemáticos fabricados no país austral por mesteirais de orixe galega.

Pandeiros, tarrañolas, tambores ou frautas son algúns dos instrumentos construidos artesanalmente polos mestres galegos que expoñen nesta feira de luthería, a arte de crear instrumentos ó xeito tradicional.

Unha profesión con moita pegada na Arxentina e onde os galegos desafían a distancia e a falta dalgunhas materias primas cunha dose extra de creatividade.

Óscar Vilela, artesán de orixe galega: "Un é autodidacta, utilizamos o que temos á man, inventamos as nosas ferramentas para poder fabricar o que non podemos traer de Galicia".

Un traballo minucioso co que transportar ós amantes da música a outras realidades. Como o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago ou a corte de Alfonso X o Sabio que inspiraron estas zanfoñas.

Horacio Dolcini, artesán: "Todas as pezas, dende as clavixas, todo o mecanismo interno das tanxentes, a roda, as pontes, é un proceso moi longo e moi complexo".

Instrumentos con alma galega que cruzan as fronteiras riopratenses pola súa calidade e difunden Galicia polo mundo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

22/05/2017