Arteixo, Xinzo e Viveiro terán este xoves as restricións máis duras de Galicia
Estes tres concellos, que rexistran os peores datos epidemiolóxicos, deberán adoptar o chamado 'modelo Carballiño' de restricións excepcionais. A partir desta medianoite, volven a unha situación moi semellante ao confinamento da desescalada. Isto implica o peche total da hostalería, que só poderá manter o servizo de recollida e a entrega a domicilio.
Ademais, clausúrase toda actividade considerada non esencial. Pechan os ximnasios, as instalacións deportivas, as bibliotecas, os locais de xogo e os centros culturais e sociais. Os comercios e mercados ao aire libre poderán traballar pero só ao 50 % da súa capacidade.
En Xinzo de Limia a incidencia acumulada supera os 2.000 casos por cen mil habitantes. A poboación prepárase para quedar na casa logo dun mes de decembro laxo que moita xente lamenta.
O Entroido rematou antes de comezar. Agora pechan os bares e restaurantes e os comercios só poden traballar ao 50 %.
Viverio, con 1.700 casos por 100.000 habitantes, tamén se suma ao modelo Carballiño. A partir de agora paralízase toda a actividade considerada non esencial.
Pechan as bibliotecas, os ximnasios, as instalacións deportivas e paralízase a actividade cultural e social. Son medidas excepcionais que tamén se aplican en Arteixo.
Ademais, nestes tres concellos as xuntanzas limítanse exclusivamente a persoas conviventes.