CRTVG

Buscar

Arteixo e Vigo, entre os concellos que máis facturan de toda España

Publicado o 03/09/2019 15:48

Dous concellos galegos están na lista dos que máis facturan de toda España. E non é o sector servizos o que coloca a Galicia no mapa estatal das vendas, é a industria. Arteixo é a quinta localidade estatal en facturación.

E é precisamente este complexo téxtil de Inditex, o xigante da moda no mundo, o que explica como un concello duns 30.500 habitantes pode acadar unha cifra de facturación empresarial que supera os 24.000 millóns de euros anuais.

Son datos que recolle un informe de distribución da facturación por municipios elaborado por unha consultora e que sitúan Arteixo no quinto lugar por detrás de Madrid, Barcelona e Bilbao.

Inditex xera aquí en Arteixo uns 5.000 postos de traballo directos e é o motor da economía da área da Coruña.

Segundo o mesmo informe, Vigo ocupa tamén un lugar de peso entre as localidades que xeran uns maiores ingresos, con máis de 15.400 millóns de euros anuais. O motivo atopámolo aquí, en Balaídos.

O xigante PSA-Peugeot Citroën é o responsable fundamental de que a cidade olívica se sitúe no décimo terceiro posto da listaxe. Vigo diversificou durante décadas o seu polo industrial arredor do sector do automóbil. Na actualidade totaliza case 5.800 industrias. PSA contribúe con 8.700 millóns de euros anuais ao produto interior bruto nacional e xera o 32% das exportacións da comunidade galega.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/09/2019