CRTVG

Buscar

Arrinca con boas previsións a campaña de libre marisqueo na Arousa

Publicado o 14/10/2019 14:18

O vento e a chuvia sacoden os mariscadores baixo a ponte da Illa. No primeiro día da campaña de libre marisqueo na ría de Arousa, as 1.300 embarcacións que saíron ao mar concéntranse aquí e, maioritariamente, nos Lombos do Ulla, onde o tempo foi máis respectuoso e as previsións, prometedoras.

"Eu estou optimista. Espero ter unha boa campaña. No Bohído din que non hai moito produto, pero no río hai bastante", sinala María José Vales, patroa maior da Confraría de Vilanova

O optimismo moderado dos rañeiros da Arousa nesta campaña baséase nas mostraxes realizadas polo Centro de Investigacións Mariñas da consellería do Mar en 185 puntos de Cabío, O Bohído e os Lombos do Ulla. Os resultados foron especialmente bos para a ameixa xaponesa e, sobre todo, para o berberecho que podería duplicar a produción do ano pasado, segundo nos adianta o director do centro, Carlos Gabín Sánchez: "Aínda estando afectado por marteilia, a afectación é menor que en anos anteriores, polo que pensamos que a supervivencia é moito maior, sobre todo en individuos adultos, e estamos a falar dunha estimación aproximada de 1.500 toneladas dispoñibles para toda a campaña".

Advirten, así e todo, que as previsións poden mudar de aquí ao final da campaña, polas condicións ambientais e o desenvolvemento da marteilia, un parásito letal para o berberecho. "Superado non está -lamenta María José Vales- porque na nosa confraría aínda sufrimos mortaldade de berberecho. Esperamos que ese repunte nos Lombos do Ulla nos pase a todos".

O tope de capturas para o berberecho nos Lombos do Ulla está en 15 quilos ao día.

Noticias web

14/10/2019