CRTVG

Buscar

Arrinca a golpes a máquina de cambio dunha lavandería en Boiro

Publicado o 26/02/2020 14:13

Encapuchado e agochado detrás dun paraugas. Desta guisa entrou un ladrón nunha lavandería de autoservizo de Boiro, só cinco minutos despois de que a abriran ás nove da mañá do martes. E así o captaron as cámaras do negocio. Leva tamén unha especie de caldeiro. Utilizaríao para transportar a máquina do cambio despois de arrincala da parede golpeándoa cunha maza.  

Iván Fernández, dono da lavandería: "O tipo xa vedes que apareceu cun paraugas, tapándose das cámaras. É xente de aquí, xente que coñece o sitio. Por onde apareceu a máquina, é xente que coñece a zona."

O dono da lavandería cre que o asaltante tivo que contar coa complicidade doutros. Tanto para vixiar na rúa como para transportar a máquina, que se intúe que pesa, ata o lugar onde apareceu un par de horas despois: o peirao de Ancados, a varios quilómetros da zona urbana de Boiro. 

Iván Fernández, dono da lavandería: "A zona onde apareceu a máquina de cambio está a uns catro quilómetros de aquí. Se esto foi ás 9 da mañá e apareceu ás 10 e pico ou 11, tivéronse que desprazar e, co peso que levaba... penso que tiveron que controlar o momento en que se abriu a lavandería e que non había xente".

Aínda pendente da avaliación de danos que faga o perito da compañía de seguros, parece que a actuación de encapuchado ao arrincar a máquina de cambio da parede provocou tamén algún tipo de dano eléctrico en dúas das máquinas de lavar. 

Iván Fernández, dono da lavandería: "A máquina ten unha capacidade de 1.000 euros, pero nunca está chea. Vaise metendo o cambio pouco a pouco en previsión de que pase algo así".

Espera que a Garda Civil consiga identificar o ladrón.

Noticias web

26/02/2020