Arrimadas ofrece a Sánchez os seus escanos para decretar o estado de alarma
A líder de Cs, Inés Arrimadas, telefonou este venres ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para esixirlle que o Goberno "tome o control" da xestión da pandemia, adopte medidas "contundentes" e ofrecerlle o seu apoio para que decrete o estado de alarma se fose necesario.
Arrimadas transmitiu esta mensaxe a Sánchez nunha rolda de prensa tras manter unha reunión de urxencia co comité executivo permanente do seu partido.
"Xa abonda. Queremos que o Goberno tome o control. Que asuma a súa responsabilidade e non se lave as mans. Pedín a Sánchez que decrete se é necesario o estado de alarma para tomar medidas contundentes que eviten un segundo confinamento", reclamou Arrimadas.
Pola súa parte, o Partido Popular reclamoulle ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a reforma da lei ordinaria, o que denominan o plan B xurídico, para tomar as rendas da pandemia e non volver chegar tarde na loita contra o virus. Así o reclamou a vicesecretaria de Política Social, Ana Pastor, despois de que o presidente do Goberno comparecese reclamando "disciplina social" e "unidade" para reducir a incidencia da covid-19 na segunda onda.
En termos similares pronunciouse o portavoz nacional do PP e alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, que criticou que oito meses despois do inicio da pandemia o Goberno non cumprise o seu compromiso, asinado mesmo con Ciudadanos, de formular ese marco xurídico estable.