CRTVG

Buscar

Arrimadas insístelle ao PP en formar unha coalición en Galicia porque o fin é "sumar esforzos, non eliminar partidos"

Publicado o 14/02/2020 11:57
Arrimadas insístelle ao PP en formar unha coalición en Galicia porque o fin é "sumar esforzos, non eliminar partidos"

A portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, pediu este venres ao PP que acepte unha coalición para as próximas eleccións autonómicas en Galicia, ademais de en Cataluña e o País Vasco, porque o fin é "sumar esforzos, non eliminar partidos", e preguntouse se a proposta de España Suma era en realidade "unha estratexia para desgastar a Cs".   

"Despois de tanto tempo dicindo que había que sumar, á primeira de cambio di que non", sinalou nunha entrevista en esRadio, recollida por Europa Press, ao referirse ás coalicións que o PP defendeu durante meses para concorrer xunto a Ciudadanos ás eleccións xerais de novembro.   

"A ver se era unha estratexia para desgastar a Cidadanos", apuntou Arrimadas, quen lle aclarou ao PP que a idea da formación laranxa nos comicios autonómicos vascos, galegos e cataláns é "sumar esforzos, non eliminar partidos".   

Por iso, reprochoulle ao presidente da Xunta de Galicia e líder do PP nesta comunidade, Alberto Núñez Feijóo, que lle diga á formación laranxa: "Ti non te presentes, que os teus votantes xa os levo eu e, se cadra, déixoche meter a alguén teu na miña lista".

Cuidadanos nunca conseguiu representación no Parlamento galego, mentres que o PPdeG leva no Goberno autonómico tres lexislaturas con maioría absoluta. Por iso, Arrimadas admite que en Galicia, se concorresen xuntos ás eleccións, a fórmula nas papeletas podería ser PP-Cs.   

En cambio, en Cataluña cre que podería concretarse como Cs-PP, xa que alí Ciudadanos ten 36 deputados e o PP, 4.

"Eu digo imos presentarnos xuntos, respectando a primacía do outro no territorio", defendeu.

Segundo manifestou, Ciudadanos non lles diría aos populares que non participen nas eleccións catalás. Por iso, que Feijóo faga esta formulación en Galicia parécelle "unha falta de respecto aos votantes de Cs".   

A portavoz parlamentaria da formación laranxa indicou que en Galicia hai votantes do seu partido que "non quixeron votar ao PP", e que alí Ciudadanos ten que estar forte para, por exemplo, "corrixir" a política lingüística que aplica o Goberno de Feijóo.

Neste sentido, afirmou que o PP e Cs son dous partidos diferentes e deben "seguir existindo" como dúas formacións políticas independentes.   

"Pero nunhas circunstancias excepcionais, nuns territorios ameazados polo nacionalismo e nun momento como este, imos poñernos de acordo no que nos une", insistiu, apostando por formar unha "lista gañadora", que integre "distintas sensibilidades", con representantes da sociedade civil, e que logre mobilizar o voto "constitucionalista".   

A pesar do "portazo" do PP en Galicia, Arrimadas mostrouse confiada en que ao final os populares "rectifiquen". "Eu creo que pode saír", dixo, sen aclarar se Cs renunciaría ás coalicións en Euskadi e Cataluña no caso de que non houbese acordo en Galicia.   

Doutra banda, a portavoz laranxa no Congreso declarou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, non a convidou a unha reunión na Moncloa, como si fixo co líder do PP, Pablo Casado, con quen se verá o vindeiro luns.   

"Que vai chamar! Cando eu era líder da oposición en Cataluña non me chamou nin unha soa vez", lembrou, acusando a Sánchez de reunirse con políticos nacionalistas mentres "despreza" a Ciudadanos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí