CRTVG

Buscar

Arrepiante declaración da muller á que a ex-parella lle acoitelou a gorxa en Vigo

Publicado o 14/03/2018 08:23

Esta mañá comezou na Audiencia de Pontevedra o xuízo do coñecido caso Povisa. É o xuízo contra Juan Carlos Fariña, que está acusado de intentar matar a súa ex-parella. Os dous eran traballadores de Povisa. 

Foi precisamente diante deste centro médico de Vigo onde o agresor deixou malferida a vítima tras acoitelala e golpeala brutalmente cando a muller saía da casa para ir traballar. O acusado declarouse culpable pero matizou que non lembra como sucederon os feitos. 

É un caso de violencia machista ocorrido en abril de 2015 que conmocionou a sociedade viguesa. A Fiscalía pide para o acusado 14 anos e 11 meses de prisión por intento de asasinato.

Sobrecolledora declaración a que fixo por vídeoconferencia a vítima deste intento de asasinato que comezou a xulgarse na Audiencia de Pontevedra. A preguntas do fiscal a rapaza lembrou con todo tipo de detalles como aquel 12 de abril de 2015 a súa ex-parella a abordou na súa casa cando saía para ir traballar.

"Colleume polo brazo, subimos dous chanzos e están os ascensores e o tiro das escaleiras. Púxome contra a altura das escaleiras, detrás de min e meteume unha coitelada no costado esquerdo", conta a vítima.

Dixo que o agresor ía con pasamontañas, pero coñeceuno pola voz cando a empezou a insultar. Logo arrastrouna ata un dos sotos do edificio, mentres a golpeaba e lle dicía que ía agardar a que morrera.

"Eu botei a correr e el tiroume ao chan, tróuxome a rastro e á altura do noso rocho, e aí eu estaba no chan, tirouse enriba de min e foi cando me cravou o coitelo no pescozo", di a vítima.

Tamén dixo que o seu agresor a levou no coche ata as proximidades do centro médico Povisa, onde os dous traballaban e que logo fuxiu. Na súa declaración o acusado declarouse culpable, aínda que afirmou que non lembraba como sucederan os feitos porque daquela estaba a tratamento psiquiátrico. Na súa defensa afirmou que el mesmo a levou ata o centro hospitalario.

A vítima e o seu agresor coñecéranse no centro médico vigués onde traballaban. Foron parella durante dous anos, pero segundo os seus achegados no momento dos feitos xa non estaban xuntos. Juan Carlos Fariña está en prisión provisional desde que foi detido pola policía. O fiscal pide para el catorce anos e once meses de prisión por intento de asasinato.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2018