CRTVG

Buscar

Arrancan os tests de antíxenos nos aeroportos de Santiago e Vigo

Publicado o 30/03/2021 19:19

O Sergas comezou este martes a realizar probas de antíxenos aos viaxeiros chegados aos aeroportos de Santiago e Vigo, e non se detectou ningún positivo. Segundo informa a área sanitaria de Santiago, comezaron os tests en voos nacionais chegados ao aeroporto Rosalía de Castro. No primeiro voo, participaron de forma voluntaria 23 dos 93 pasaxeiros, todos con resultado negativo.

Pola súa banda, a área sanitaria de Vigo explica que este martes se realizou unha proba para analizar o circuíto en Peinador, polo que só participou un viaxeiro. Ademais, no aeroporto coruñés de Alvedro realízanse probas desde o pasado venres. AENA aprobou o luns a cesión de espazos para a realización de tests de antíxenos de covid−19 tamén nos aeroportos de Santiago e Vigo.

Un panel informativo avisa os pasaxeiros desta posibilidade, e no caso de decantárense por realizar o test de antíxenos, deberán esperar só 15 minutos para coñecer o resultado. As probas son voluntarias e buscan detectar os casos asintomáticos antes de que entren en Galicia.

En Peinador moitos aínda non coñecían o novo protocolo opcional instalado nos tres aeroportos galegos, pero algúns pasaxeiros non dubidaron en facer a proba en prol da saúde das súas familias e da sociedade en xeral.

Unhas horas antes activábase o plan no aeroporto da Lavacolla en Santiago, mentres na Coruña xa comezaron a semana pasada. A maioría dos viaxeiros ve con bos ollos esta iniciativa.

O Goberno galego xa traballa para estender este protocolo de tests de antíxenos voluntarios ás estacións de tren.
 

Noticias web

30/03/2021