CRTVG

Buscar

Arrancan as negociacións para buscar goberno en maioría en Ourense

Publicado o 28/05/2019 22:05

As negociacións para un goberno en maioría en Ourense pintan complexas. A lista do socialista Rafael Villarino, a máis votada, ten 9 edís, e necesita polo menos cinco concelleiros máis. A chave parece tela Democracia Ourensana, que ten sete. Villarino xa mantivo contactos informais con eles, pero tamén vai falar co BNG e Ciudadanos, tampouco pecha a porta a facelo co PP, pero sería en último lugar por ser a formación do goberno saínte.

"Nós imos falar con todo o mundo, se é posible chegar a acordos, teremos acordos. Se non é posible chegar a acordos, teremos que intentar gobernar en solitario e, chegado o caso, con pactos puntuais", di Rafael Rodríguez Villarino do PSOE.

Á opción do goberno en minoría, oponse frontalmente Democracia Ourensana. Jácome propón reproducir no Concello o pacto con PSOE BNG e Ciudadanos que reivindica para a Deputación: "Non imos permitir, imos intentar no que poidamos impedir que unha persoa sexa investido con minoría. Terá que ter un pacto de goberno para levar a cabo proxecto de cidade: orzamentos, PXOM...", asegura Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana.

Democracia Ourensana e PP sumarían a maioría absoluta, pero non é a primeira opción de Jácome, sería a última e só para evitar, dixo, o afundimento da cidade. E Jácome tampouco é a preferencia dos populares.

Jesús Vázquez a quen lles tende a man é aos socialistas, sabedor do complexo que é gobernar en minoría, se non, intentará negociar con outras formacións.

"Se el non asume esa necesidade de cogobernanza nesta cidade, de chegar a acordos nesta cidade, nós, evidentemente, teremos que buscar esa corresponsabilidade. Polo tanto, nós estamos abertos a calquerea situación que supoña 14,15, 16 concelleiros", apunta Jesús Vázquez, alcalde de Ourense en funcións.

Se o 15 de xuño, día en que se constitúen as corporacións municipais, ningún concelleiro ten a maioría absoluta, Rafael Villarino será proclamado alcalde de Ourense por ser o candidato da lista a máis votada.

Noticias web

28/05/2019