Veciños de Ferrol acollen nas súas casas os participantes no festival de piano
Acabado de chegar de Rusia, Vladimir acaba de coñecer a Manolo. El e os seus serán a súa familia de acollida durante a celebración do certame.
"Facíame ilusión. Ter un virtuoso na casa vai ser moi positivo. Tiven a sorte de que fala español. Esta é a súa casa", di Manolo Pardo, un ferrolán que acolle un participante na casa.
Nun momento especialmente complicado polas restricións de mobilidade impostas pola covid, Vladimir valora moito esta iniciativa.
"Tiven a enorme sorte de poder vir nestes tempos tan difíciles. Estoulle inmensamente agradecido a Manolo", comenta Vladimir Petrov, concursante.
E agradece tamén contar cun piano na casa para poder ensaiar o maior tempo posible.
Logo de tres anos de parada, o certame renace cun récord histórico de participación: 237 inscritos de 45 países diferentes, dos que arredor dun cento pasaron a fase de preselección.
Amais, este ano, quen queira deleitar os oídos dos ferroláns coas súas melodías, poderá facelo neste piano de cola instalado na praza de Armas.