CRTVG

Buscar

Arranca o xuízo do crime da garda urbana de Barcelona

Publicado o 31/01/2020 21:00

Ata a vivenda onde supostamente tivo lugar o crime, e tamén ata as inmediacións do pantano de Foix, onde foi atopado o corpo calcinado da vítima, desprazaranse os membros do xurado popular que citados desde hoxe na Audiencia de Barcelona para xulgar o coñecido como crime da garda urbana.

Os acusados son Rosa Peral, parella da vítima, e Albert Rodríguez, quen mantivera no pasado unha relación con Rosa. Os tres, policías locais de Barcelona. Segundo o auto de apertura de xuízo oral, os dous acusados, "de común acordo e en execución dun plan preconcibido", asasinaron, supostamente, a Pedro Rodríguez, na madrugada do dous de maio de 2017, e trasladárono ata as inmediacións do pantano, onde o queimaron. A Fiscalía di que o fixeron porque retomaran a súa relación sentimental e considerábano un obstáculo. A acusación particular vai máis aló e asegura que o mataron para que non aireara a súa implicación na morte dun home no ano 2014. En total, piden penas de 24 e 25 anos de cárcere. As defensas, pola súa banda, piden a libre absolución e acúsanse mutuamente dos feitos.

A semana que vén comezarán a declarar as máis de 60 testemuñas citadas, e despois serán determinantes tamén as proba periciais, sobre todo os rexistros de localización e chamadas de teléfono móbil entre os acusados.
 

Noticias web

31/01/2020