CRTVG

Buscar

Arranca con incerteza a campaña da lamprea no Miño

Publicado o 18/02/2021 17:42

Hai dous días que comezou a tempada da pesca da lamprea no Miño, ao seu paso por Arbo. Aquí, estenderase ata mediados de maio, e os pescadores afróntana con incerteza despois de dous anos malos. José Javier Rodríguez, un dos que hoxe se achegaban ao río, moi cheo polas últimas chuvias, explicaba que o ano pasado non puideron pescar por culpa da pandemia, e que o anterior non fora bo, aínda que levaban un tempo con boas capturas.

Hai arredor de 160 pescadores que manteñen viva a tradición nesta zona para capturar este prezado peixe prehistórico na súa remonta anual para a desova. Fano valéndose dos vutiróns, unha especie de nasa cónica, e das pesqueiras, as construcións tradicionais sobre o río. José Javier explica que é necesario manter moi limpo o vutirón, que non haxa follas nin restos de area nas redes, porque dese xeito a lamprea esquívaas. Ademais, confirma que cada vez hai menos pesqueiras. "Máis da metade están abandonadas, desfeitas", di.

Hoxe non houbo sorte, pero ao longo dos vindeiros tres meses esperan acadar un bo número de exemplares. Páganse a uns 30 euros a unidade, segundo contan. Con permiso da covid, a finais de abril celebrarase en Arbo a exaltación gastronómica da lamprea.

Noticias web

18/02/2021