CRTVG

Buscar

Arranca a vendima en Galicia, a primeira da covid-19, pero con uva "excelente"

Publicado o 24/08/2020 15:15

Distancias de seguridade, máscaras de protección, e itinerarios de entrada e saída á viña para non cruzarse uns cos outros. Son algunhas das novidades que impuxo a covid-19 nos protocolos de vendima este ano.

O encargado da adega Godeval, Avelino Álvarez, explica que todos os traballadores fixeron previamente as probas PCR, e que os reparten en cuadrillas fixas por distintas zonas do viñedo para evitar contacto entre eles.

"Ese rozamento que tiñamos na vendima, este ano vai ser imposible", di.

A vendima nesta adega de Valdeorras sempre está entre as máis madrugadoras de Galicia. Este ano adiantouse aínda máis, entre dez e quince días respecto das datas habituais. Din que a viña apurou moito dende a brotación, porque o tempo acompañou.

Houbo sorte ata coas chuvias destes últimos días, que axudaron a darlle o toque final á uva para que entre á adega en condicións óptimas: "A auga veulle moi ben á uva porque colleu mosto, evitou o estrés hídrico, e incluso vai aumentar a colleita", comenta José Luis Bartolomé, asesor técnico da adega Godeval.

No consello regulador de Valdeorras estiman que a campaña de recollida vai estenderse entre seis e oito semanas, e contan con chegar a meter nas adegas arredor de seis millóns de quilos de uva de excelente calidade.

Para o seu director técnico, Jorge Mazaira, a uva ten un bo equilibrio entre grao e acidez e vai dar viños "frescos e con moita froita", que é o que define o perfil dos viños da denominación.

A vendima 2020 bota a andar con boas expectativas. Agora a atención está posta en salvagardar a calidade da uva e a seguridade dos que a traballan.

 

Noticias web

24/08/2020