CRTVG

Buscar

Arranca a grande operación de tráfico do verán: 470.000 desprazamentos en Galicia

Publicado o 30/07/2021 15:11

Arranca a grande operación de tráfico do verán. Só durante a fin de semana, prevense case cinco millóns de desprazamentos. Coinciden os traxectos de fin de semana, os que marchan de vacacións e os que volven.

Tráfico vai extremar os controis de alcohol e drogas. Malia a pandemia e as restricións, no que levamos de ano disparáronse as mortes nas estradas, e a fiscalía advirte que para o verán "se teme o peor".

A Dirección Xeral de Tráfico fai unha estimación conxunta para a zona noroeste de España e calcula que de aquí ata o domingo pola noite, que é cando remata a operación saída de agosto, haberá nesta área uns 470.000 desprazamentos, o 10 % de todos os previstos en España.

As estradas de Galicia onde se prevé que se note máis ese aumento da circulación son as autovías, coma a  A-6, e tamén na autoestrada AP-9 e na N-550, a estrada que discorre en paralelo á autoestrada dende a Coruña ata Tui.

Os cálculos da DXT son que esta fin de semana vai haber máis de catro millóns setecentos mil desprazamentos polas estradas de toda España, un 3,84 % máis ca na operación saída de agosto do ano pasado.

Un factor que preocupa especialmente neste caso aos responsables de Tráfico é o feito de que o cambio de mes coincida en fin de semana, o que fará coincidir nas estradas ao mesmo tempo os que se van de vacacións cos que retornan de gozalas no mes de xullo.

Amais desta operación saída, a DXT despregará dispositivos especiais todas as fins de semana de agosto e unha campaña específica para o control de alcol e drogas toda a semana que vén.

 

Noticias web

30/07/2021