CRTVG

Buscar

Arranca a campaña electoral máis breve da democracia

Publicado o 01/11/2019 00:36

• 37 millóns de cidadáns están convocados ás urnas o 10 de novembro para volver elixir deputados e senadores 196 días despois

• Os partidos galegos abren a campaña na Coruña e en Vigo

• As solicitudes do voto por correo caen un 30% con respecto a abril

 

 

 

Repítense eleccións, pero nun contexto moi diferente ao do 28 de abril, con novos partidos no taboleiro. Serán as cuartas eleccións xerais en menos de catro anos. 37 millóns de cidadáns están convocados ás urnas. Dous millóns setecentos mil deles, aquí en Galicia.

Os españois volveremos elixir deputados e senadores 196 días despois. Neste tempo, pouco cambiou no panorama electoral: somos algúns electores máis, 37 millóns en números redondos, hai algún partido novo e tamén 227.000 novos votantes, os que cumpriron a maioría de idade despois do 28 de abril.

Eliximos quen sentará os vindeiros catro anos nestas cadeiras: as 350 do Congreso dos Deputados e en 208 das 266 que forman o Senado. O resto decidiranas os parlamentos autonómicos. Na cámara baixa, os galegos teremos 23 representantes: 8 pola Coruña, 7 por Pontevedra, 4 por Lugo e outros tantos por Ourense.

No Senado, cada provincia, agás as illas ten o mesmo número de representantes, catro. En total, temos dereito a voto dous millóns setecentos mil galegos .
 

Arranca a campaña

Ás 0.00 horas do venres 1 de novembro arrancou a decimoquinta campaña electoral para unhas eleccións xerais, a primeira que só vai durar 8 días. Catro das principais formacións levaron a pegada de carteis a Andalucía: PSOE, PP e Más País fixérono en Sevilla e Ciudadanos en Cádiz. VOX elixiu Cataluña, en concreto, L'Hospitalet do Llobregat. Unidas Podemos repite en Madrid, aínda que non está previsto que Pablo Iglesias participe neste pistoletazo de saída.

PSOE

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, arrincou a campaña electoral en Sevilla pedindo que o 10 N se vaia a votar "en masa, con máis forza e máis rotundidade" e pediu votar socialista "para non ter que volver ás urnas en catro anos". Nun acto no barrio obreiro de Pino Montano, bastión socialista, Sánchez demandou que ningún voto quede en casa, mostrouse convencido de que "agora o imos a lograr" e recorreu ao compromiso cumprido da exhumación de Franco, que os socialistas queren rendibilizar nas urnas, e que conseguiu poñer ao público en pé.

 PP

O líder do PP, Pablo Casado, advertiu este xoves de que calquera voto que non vaia para o seu partido o próximo 10 de novembro só servirá para investir ao candidato socialista e presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, co que apelou ao voto útil para a súa formación. No mitin de apertura de campaña nun hotel de Sevilla, ante unhas 1.500 persoas, segundo a organización, considerou que Sánchez está "inhabilitado para ser candidato se segue defendendo a plurinacionalidad" que considera que lle esixiu o PSC, porque non pode ser presidente "alguén que non cre na nación" española.

Ciudadanos

O presidente de Ciudanos, Albert Rivera, puxo en marcha a campaña "da remontada, a épica e o esforzo" para dar a volta ás enquisas que prognostican un desastre do partido laranxa, e asegurou que o 10 N van dar "a badalada" e van ser imparables. "Pídovos que nos votedes, que me votedes e que votedes a Ciudadanos", dixo Rivera esta tarde, e engadiu que quere ser presidente non porque lle faga ilusión durmir na Moncloa ou viaxar en helicóptero, senón porque quere poñer en marcha todas as reformas que necesitan os españois. "Iso si que me pon!", exclamou.

Unidas Podemos

A portavoz parlamentaria de Unidas Podemos, Irene Montero, chamou este xoves a " perseverar" no voto a Unidas Podemos para que despois de catro eleccións cheguen os cambios que o país necesita. E advertiu ao "vello bipartidismo" de que non se van a render. No acto de apertura de campaña, a coñecida como pegada de carteis, a 'número dous' de Podemos indicou que o país necesita que eles cheguen ao Goberno para que se "toque a estrutura do poder" que ten as súas raíces "no franquismo que aínda non se ha exhumado". "Para que haxa igualdade, para que só si sexa si, para que haxa emprego estable, para que non haxa temporalidade, para que loitemos contra o cambio climático, fai falta tocar a estrutura do poder", incidiu. 

Vox

O presidente de Vox, Santiago Abascal, inaugurou esta noite a campaña cun chamamento a todos os españois, "sen distinción" nin "etiquetas", para que voten a Vox porque "por encima das diferenzas ideolóxicas, hai unha emerxencia nacional". Abascal abriu cun mitin no recinto feiral A Farga, de L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona), situado a tan só dúas rúas do lugar elixido polo PSC, partido contra o que dirixiu duros ataques por "traidor".

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que o voto por "medo" ao "mal menor" non funcionará nas próximas eleccións xerais do 10 de novembro e chamou aos galegos a ser "ambiciosos" e apoiar á única forza que "defende os seus intereses", o Bloque Nacionalista Galego.   A líder dos nacionalistas galegos participou este xoves en Santiago de Compostela nun acto con motivo do arranque da campaña no que estiveron os candidatos do Bloque ao Congreso polo catro provincias galegas.  

Más País

O líder de Más País, Íñigo Errejón, defendeu hoxe a importancia do proxecto que encabeza para as eleccións xerais do 10 de novembro e asegurou que non son "da xente que mira para outro lado, somos dos que cando o noso país necesítanos, damos un paso e comprometémonos”. Durante a súa intervención no mitin de apertura de campaña do seu partido en Sevilla, Errejón dixo que a repetición de eleccións é "un desastre" e que "non nos podemos enfrontar a elas coma se non pasase nada”.

Os partidos galegos abren a campaña na Coruña e en Vigo

PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu o voto para o Partido Socialista a "todos os galegos" que non queren ver ao líder de Vox, Santiago Abascal, como "vicepresidente" do popular Pablo Casado. Gonzalo Caballero lanzou esta mensaxe durante o acto de apertura de campaña celebrado polos socialistas galegos na Coruña, no que estivo acompañado pola ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, e pola alcaldesa da cidade, Inés Rey. No evento, no que tamén participaron os candidatos socialistas ás Cortes, o xefe de filas do PSdeG considerou necesario "seguir profundando nos avances sociais impulsados no último ano e medio polo goberno socialista".

PPdeG

O líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, arrincou a carreira cara ás urnas cunha chamada aos galegos para que se unan "nun voto esixente" que permita "que volva a estabilidade a España" e que "se cumpra" con Galicia. E é que, segundo reivindicou, o que necesita Galicia son "certezas" e "compromiso" por parte do próximo Executivo central. Así, durante o acto de inicio de campaña, que tivo lugar en Vigo, o presidente do PPdeG incidiu en que os españois "non son os culpables do que está a pasar en España", pero que si teñen "a solución": votando o próximo 10 de novembro "por todo o que une e para que as cousas cambien".

En Común

Os candidatos e candidatas de En Común-Unidas Podemos arrincaron este xoves a campaña electoral apelando á importancia de que Galicia estea no próximo Goberno para trasladar e facer efectivas todas as demandas dos galegos e galegas. "Galicia en Común é o único voto que garante un goberno de esquerdas, no que Galicia estea presente", incidiron os candidatos Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino nun acto celebrado na cidade herculina. Ademais, remarcaron que estas eleccións o que está en xogo é "un goberno virado á dereita co apoio do PP ou un goberno de esquerdas".

Ciudadanos

Cidadáns Galicia aproveitou o arranque da campaña electoral para reivindicar á formación laranxa como a "única alternativa viable" para "sacar adiante a España". Os catro cabezas de listas de Ciudadanos ao Congreso polas distintas provincias galegas participaron na noite deste xoves en distintos actos organizados para celebrar o arranque da carreira cara ás urnas. Deste xeito, a 'número uno' á Cámara baixa por Pontevedra, Beatriz Piñeiro, reivindicou á súa formación como a "única alternativa viable" durante unha pegada de carteis na Praza de Compostela de Vigo. 

BNG

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, pediu o voto para a súa formación ao asegurar que é unha forza política "de palabra e con proxecto", a "única garantía para defender os intereses deste país xunto cunha axenda social de dereitos e liberdades". Coa mesma claridade, Pontón apelou ás persoas "encabuxadas e desencantadas" co "espectáculo" das forzas estatais para que este 10 N aposten por algo "diferente" e "confíen no BNG". "Hai alternativa se optamos por defender o noso, dándolle voz propia a este país da man da única forza que xoga a favor de Galicia", destacou.

 


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/11/2019