CRTVG

Buscar

Arranca a campaña de Nadal do percebe do Roncudo, un manxar ben cobizado

Publicado o 17/12/2020 14:12

O día solleiro acompañou os 30 percebeiros da Confraría de Corme na estrea desta campaña de Nadal do Roncudo.

Pero o mar, o inimigo ao que non poden darlle as costas, non llelo puxo doado.

Empezaron a baixar sobre as 10 e media da mañá. Tiñan dúas horas e media para apañar o cupo de 6 quilos. As súas únicas ferramentas: as ferradas, a percebeira e un saco de carga.

O resto, moito valor e un oficio que levan no sangue. Arriscan a vida pero sen perder o medo. Teñen aínda recente a morte dun compañeiro en Laxe esta semana.

Valor tampouco lles falta ás catro percebeiras que hai na Confraría de Corme. Mari Liste é unha delas.

Só abren a veda nesta zona dúas veces ao ano: en xullo coincidindo coa festa do percebe e agora no Nadal. Iso e as condicións do mar fan do percebe do Roncudo un manxar cobizado.

O percebe do Roncudo chegará mañá aos mercados ás portas dun Nadal atípico e a hostalería a medio gas, que xeran incerteza sobre a demanda e o prezo que alcanzará.

Noticias web

17/12/2020