CRTVG

Buscar

Arranca a campaña de grelos con moi boas expectativas

Publicado o 26/10/2020 20:33

O outono e o seu tempo frío e húmido está a deixar nos cultivos de grelos unha fermosa cor verde que lle pon esperanza á campaña. De momento, a colleita deste ano pinta moi ben, pero os cultivos ao aire libre sembre quedan a expensas do tempo.

"A colleita preséntase moi ben, de momento, levamos un mes cunha verdura moi boa, tanto en cantidade como en calidade. Hai unhas rabizas bárbaras, pero non teñen que ver co que poida pasar co grelo de xaneiro, febreiro e marzo. Empezan as xeadas ou a nevada e podemos quedar sen verdura polo que depende todo do tempo", sinala Andrés Castelo, produtor de grelos.

De momento, é tempo de nabizas e para os ansiados grelos haberá que esperar ata mediados de xaneiro. Dunhas follas a outras hai moita diferenza de sabor, de prezo e de demanda.

"Ten a súa graza, pero non ten o sabor dun grelo. A nabiza é diferente pero tampouco ten o prezo dos grelos. Os grelos pagáronse o ano pasado a un euro ou oitenta céntimos e isto agora mesmo pódese mercar a trinta céntimos", sinala Andrés Castelo, produtor de grelos.

Ante a escaseza de pequenos produtores, nesta empresa de Vilalba apostaron por sementar este ano 6 hectáreas de grelos.

Noticias web

26/10/2020