CRTVG

Buscar

Arquivan a causa da Pokemon que investigaba dous exalcaldes de Santiago

Publicado o 23/04/2020 18:23
Arquivan a causa da Pokemon que investigaba dous exalcaldes de Santiago

O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago decretou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas cunha das pezas separadas da operación Pokemon remitida polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, e en que estaban investigados dous ex-alcaldes do PP, Gerardo Conde Roa e Ángel Currás, que acabaron dimitindo na mesma lexislatura dando o bastón de mando finalmente a Agustín Hernández.  

Do mesmo xeito, acordou deixar sen efecto as medidas preventivas adoptadas respecto dos 11 investigados, entre os que tamén se atopaban outros edís populares como Albino Vázquez e o socialista Bernardino Rama. Precisamente, en xaneiro tamén se arquivou a peza referida ao suposto financiamento irregular do PSOE local, en que estaba investigado Rama.  

A causa que quedou arquivada agora abriuse por presuntas irregularidades cometidas por concelleiras e persoal funcionario do Concello de Santiago hai dúas lexislaturas. A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago asegura no auto que, tras examinar a documentación, lle resulta imposible "determinar con exactitude que feitos delituosos se lle atribúen a cada un dos sospeitosos", así como "coñecer a liña de investigación" levada a cabo en Lugo, tal e como informou o TSXG.

A maxistrada lembra no auto que recibiu a causa en maio de 2018, catro anos despois de que a instrutora de Lugo se inhibira ao seu favor, en 2014. Entón rexeitou facerse cargo do caso, pero en febreiro de 2020 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia atribuíulle a competencia. 

A maxistrada de Santiago, Ana López-Suevos, di que procesualmente "se actou co criterio contrario á lóxica de tramitación", pois sostén que en lugar de levar a cabo unha breve instrución e inhibirse ao xulgado de Santiago, a xuíza Pilar de Lara continuou a instrución  catro anos máis en Lugo 

Por iso, considera que o Xulgado de Instrución número 1 de Santiago "está imposibilitado para coñecer cal é o obxecto da causa. Resalta que aos denunciados se lles causou unha "total indefensión", á vez que lembra que estiveron sometidos "a medidas preventivas que restrinxiron a súa liberdade persoal".   Afirma que se lles ocasionou "incerteza e angustia" aos investigados "por atoparse inmersos nun proceso xudicial do que resulta imposible determinar con exactitude que feitos delituosos atribúenselles a cada un deles".

Noticias web

23/04/2020