CRTVG

Buscar

Arquivan a causa contra o cura de Allariz acusado de abusar da súa sobriña

Publicado o 23/11/2020 18:10
Arquivan a causa contra o cura de Allariz acusado de abusar da súa sobriña

O Xulgado de Instrución número 1 de Ourense decretou o sobresemento das actuacións en que se investigaba un cura de Allariz por presuntos abusos sexuais á súa sobriña cando esta era menor de idade, dado que o delito, indica o maxistrado, prescribiu.

En concreto, o xuíz instrutor indica no auto que os feitos imputados ao cura serían constitutivos dun delito contra a liberdade sexual, polo que teñen un prazo de prescrición de 10 anos a contar desde que a suposta vítima alcanzou a maioría de idade. 

O maxistrado sinala que é "indubidable que transcorreu o referido prazo de 10 anos" desde que a prexudicada alcanzou a maioría de idade, algo que ocorreu o 25 de setembro de 2009, ata a interposición da denuncia, o 26 de novembro de 2019.

En canto esta resolución sexa firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso, deixarase sen efecto a orde de afastamento do denunciado respecto ao seu familiar acordada o 29 de novembro de 2019.