CRTVG

Buscar

Arquivan a causa aberta contra os deputados de Unidas Podemos polas protestas de Alcoa no Congreso

Publicado o 18/12/2019 17:24
Arquivan a causa aberta contra os deputados de Unidas Podemos polas protestas de Alcoa no Congreso

A xuíza que investiga os altercados entre a policía e os traballadores de Alcoa fronte ao Congreso o pasado 28 de marzo arquivou a causa que mantiña aberta contra tres deputados de Unidas Podemos, Rafa Mayoral e os galegos Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino e a ex-deputada confederal e de Galicia En Común Ángela Rodríguez, por un presunto delito de atentado contra a autoridade durante a protesta.

Segundo expón o auto ao que tivo acceso Europa Press, a titular do Xulgado de Instrución número 25 de Madrid arquiva así mesmo as actuacións contra o secretario xeral de Industria de CCOO de Galicia, Víctor Ledo, e o manifestante tamén investigado Adrián Sánchez, en liña coa Fiscalía, que pedía pechar o caso ao non apreciar indicios de delito.

Neste sentido, a instrutora explica que non quedaron acreditados os feitos como constitutivos dunha infracción penal de desobediencia, resistencia grave ou atentado a axentes da autoridade, aínda que ordena dar traslado das actuacións á Xefatura de Policía Nacional, por se incorrese nalgunha das faltas que contempla a Lei de Seguridade Cidadá.