CRTVG

Buscar

Armadores galegos denuncian bloqueos nos camións que traen a pesca de Mauritania

Publicado o 15/05/2019 14:58

Armadores de Marín, Ribeira e Muxía que traballan en augas de Mauritania piden solucións urxentes despois de 4 meses sufrindo cuantiosas perdas económicas polos bloqueos constantes dos camións que transportan o peixe desde o porto de Nuadibú ata Alxeciras polas protestas de colectivos locais. Séntense impotentes e pídenlles ás autoridades españolas e europeas que habiliten medidas excepcionais.

Os 11 barcos galegos que traballan no caladoiro de Mauritania descargan a pescada e a palometa negra no porto de Nuadibú. Logo transpórtase en camión ata Alxeciras pola única estrada que hai entre Mauritania e Marrocos. Eses camións volven coas caixas e artes que precisan os barcos para traballar. Unha engrenaxe loxística que garante que o peixe fresco chegue en 48 horas á lonxa, pero desde xaneiro veñen padecendo esta situación que ven nas imaxes. Colectivos locais cortan a estrada en protesta por distintos motivos e bloquéanos durante días. Os camións parados na fronteira e os barcos amarrados a porto, desabastecidos.

"O primeiro que se nos presenta é unha gran incertidumbre a nivel empresarial. Os barcos non saben cándo van poder ter camión para descargar as capturas, por outra banda tamén se senten desabastecidos porque os mesmos camións nos que hai que descargar o peixe traen pertrechos, caixas, carnada, todo o que necesitan para poder traballar, enton sentímonos totalmente desamparados. Moitas veces pasan 3,4, 5, 6 días co cual esas capturas, peixe fresco, deteriórase e pódese perder a totalidade da carga do barco", di Jose Antonio González, presidente de ORPAL.

"Iso obviamente ten unhas implicacións nos prezos, ten unhas implicacións en maiores custos para as empresas armadoras, xa que se perde, por unha parte, actividade da frota e, por outra, aumento dos custes", afirma Juan Martin, xerente da Organización produtores de Marín.

"Moitas veces chegamos de volta da marea e a outra marea está aínda sen vernder. Claro, traes unha boa marea, pensar de facer 4 patacos, chámate o armador e que o peixe non vale nada. Chega un momento en que se desespera un", relata o patrón Angel Piñeiro.

Impotentes ante a pasividade das autoridades, os armadores propoñen unha solución que xa presentaron durante a negoación do acordo pesqueiro con Mauritania, que ante situacións excepcionais coma esta, lles permitan descargar no porto de Dahkla, no Sáhara Occidental.

"Formulamos no ano 2014 xa que se habilitase unha medida extraordinaria para casos excepcionais, de forza maior, avarías dos barcos, mal tempo por terra... Poder saír por mar, para así esquivar os colapsos que hai. Se me escoita alguén da Administración de Madrid e de Bruxelas que, se non hai unha medida extraordinaria as empresas pesqueiras así non podemos seguir traballando, acumulando perdas, co sistema loxístico quebrado e sen unha normalidade tanto na xestión como na pesca", di Maria José de Pazo, representante da Organización de Produtores de Lugo.

Os armadores cifran as perdas acumuladas en máis de 250.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/05/2019