CRTVG

Buscar

Ardeulles a caravana en que vivían e recibiron tanta axuda que queren doar o que lles sobra

Publicado o 16/01/2019 18:28

Perderon todo o que tiñan no incendio da caravana en que vivían en Taboadela e apelaron á solidariedade da xente para poder saír adiante. A resposta que recibiron foi moito máis aló do que agardaban; chegou e chega non só dende Galicia, senón tamén dende distintos puntos de España. Tal é así que mesmo piden que algunha oenegué se poña en contacto con eles para doar a axuda sobrante. Din que non teñen palabras de agradecemento dabondo.

Nesta familia non saben xa como agradecer tanta solidariedade como a que recibiron nos últimos días.

Tráenlla persoalmente, a través de mensaxeiros, por coñecidos, asociacións, colexios, particulares... Agora din que xa non precisan nada material. Aquí chegou dende roupa a louza para a casa, ata comida ou electrodomésticos.
E tanto é así que mesmo decidiron doar todo aquilo que non precisan.

Non teñen máis que palabras de agradecemento. Din que agora tentan a través do Concello solucionar o problema da súa vivenda e non ter que depender da axuda familiar. Tampouco teñen traballo, así que din agradecerían tamén un emprego co que poder saír adiante cos seus dous fillos de dous meses e nove anos. Queda, aínda así, din, a sorpresa e a ledicia de saber que mesmo nun momento tan complicado coma este, comezan por fin a ver a luz.

 

Noticias web

16/01/2019