Arden dúas naves de reciclaxe con residuos urbanos e industriais en Barbadás
O incendio nunha planta de reciclaxe en Bentraces, no concello de Barbadás, mobilizou esta madrugada numerosos medios e obrigou a activar o plan territorial de emerxencias. Por fortuna non houbo feridos e os bombeiros conseguiron controlar as lapas antes de que se espallasen a outras empresas ou provocasen un lume forestal, arderon dúas naves nas que se almacenaban residuos industriais.
Ás cinco e media da mañá saltou a alarma de incendios desta planta de reciclaxe de Barbadás, ao pé da OU-540, e axiña chegaron os primeiros medios.
Pola complexidade deste lume, a Xunta activou o plan territorial de emerxencias no nivel 1 mobilizando dúas cisternas de 25 mil litros e numerosos recursos.
As dúas naves que arderon tenas alugadas unha empresa que xestiona residuos industriais e urbanos, dende papel ata voluminosos.
Seguen vixiantes e arrefriando pero contra o mediodía, conseguían extinguir o incendio.
Mentres, intentan que milleiros de litros de auga non vaian parar ao río e fan pescudas para coñecer a orixe das lapas.