CRTVG

Buscar

Arden 160 toneladas de forraxe nunha nave en Monforte

Publicado o 24/02/2021 20:31

Un descoido cun chisqueiro podería ser a causa do incendio que calcinou o interior desta nave de recente construción en Monforte de Lemos. 160 toneladas de palla e herba seca foron pasto das lapas e agárdase que aínda permanezan ardendo durante toda a noite debido á súa densidade. O cuartel dos bombeiros atópase a só un quilómetro do lugar polo que a rapidez coa que chegaron permitiu salvar a nave lindeira e as máis de mil toneladas de madeira que se gardan no lugar. A nave é propiedade de Prodeme, unha entidade de apoio a discapacitados psíquicos.

"O que ardeu foi a forraxe que gardabamos aí para a explotación gandeira que temos. Por suposto, os rapaces estaban moi asustados por isto que pasou porque nunca se dera un caso así", explica Julio Cortiñas. Xerente de Prodeme

O lume comezou contra as catro da tarde e en poucos minutos espallouse de xeito imparable pola nave. Traballadores e usuarios da asociación tentaron apagalo con extintores, pero fíxose imposible. Dende Prodeme valoran que non se producira ningún dano persoal a pesar da intensidade do incendio. Os usuarios estaban visiblemente afectados polo acontecido, pero os responsables da entidade sinalan que se o incendio se producise de noite, cando no hai ninguén no lugar, os danos superarían o millón de euros.

Noticias web

24/02/2021