CRTVG

Buscar

Arden 12 hectáreas de monte preto das casas de Pardiñas de Arriba, en Laraño

Publicado o 15/07/2020 14:10

Un incendio forestal, aparentemente provocado, achegouse esta mañá ás casas no lugar de Pardiñas de Arriba, moi preto de Santiago.

Arderon 12 hectáreas de monte na periferia de Santiago, a carón da autovía que vai a Brión, pero as brigadas de apagaincendios conseguiron controlalo sen ter que desaloxar os veciños.

Empezou de madrugada, moi preto da aldea de Pardiñas de Arriba, en Laraño. Sobre as cinco da mañá a policía foi avisando os veciños por se tivesen que abandonar as casas, pero as lapas foron controlándose sen que fose necesario.

Na extinción participaron dous axentes, sete brigadas con seis motobombas e unha pa. Non se utilizaron medios aéreos e pasadas as nove da mañá o incendio estaba estabilizado.

Esta zona da periferia de Santiago está chea de vivendas de xente que se despraza a diario a traballar á cidade polo que ás oito da mañá as pistas tiñan moito tráfico.

Segundo a Xunta, as primeiras impresións dos profesionais sinalan que a causa do lume puido ser intencionada.

Noticias web

15/07/2020

Máis sobre Santiago de Compostela