Arde unha nave con herba seca e maquinaria agrícola en Cospeito
Esta nave de San Martiño de Lamas, en Cospeito, ardeu por completo. A maquinaria agrícola que había no seu interior, un tractor e unha enroladora, quedou calcinada, mentres que outro tractor sufriu danos debido ás altas temperaturas. Tamén se queimaron 70 rolos de herba seca que había almacenados. En total, a explotación gandeira sufriu perdas por un importe superior aos 60.000 euros. Salváronse unha vintena de xovencas, que tiveron que ser evacuadas da corte anexa.
María Luisa Seijo, dona da explotación: "Aí son vinte vacas. Houbo que botalas fóra porque, se non, co fume asfixiábanse. Houbo que botalas para fóra soltas." José Rodríguez, dono da explotación: "Un veciño levantouse, que ía saír pola mañá para as troitas, e viu o lume. Chamoume e foi xa cando nos topamos co tractor ardido e empezaba a arder a herba seca. Cando se levantou e avisou por teléfono, xa estaba este tractor calcinado e xa había lume nos rolos de herba."
Ata o lugar acudiron os bombeiros de Vilalba, que estiveron durante máis de tres horas a sufocar as lapas. Os veciños tamén colaboraron nos labores de extinción do incendio coas súas propias cisternas. María Luisa Seijo, dona da explotación: "Cando deron chegado os bombeiros xa había aquí catro cisternas, unha delas a da casa. Chegaron os veciños xa todos con cisterna e todo pero non dabamos feito nada. Ata que chegaron os bombeiros. E aínda bo foi que un rapaz foi buscar unha pa para sacar a palla para fóra, que se non era imposible."
En canto á causa do lume, sospéitase que puido orixinarse no tractor que quedou en peor estado.