CRTVG

Buscar

Arde un coche nun garaxe e desaloxan os veciños dun edificio en Pontevedra

Publicado o 13/10/2019 20:36

Unha forte fumareda negra alertou os veciños da rúa pontevedresa de Pintor Laxeiro, no número 32.

Andrea Duarte, unha veciña desaloxada da casa conta que estaban na casa e que pola fiestra viron que empezaba a saír un fume negro moi denso. Unha fumareda negra que se lles meteu na casa, e que, segundo conta esta veciña, non había maneira de quitala.

"A ver que pasa", engadiu. 

Foron precisamente os veciños os que chamaron os bombeiros a primeira hora da tarde. O incendio produciuse nun garaxe porque ardeu o motor dun coche. Mediante a cámara térmica, os bombeiros de Pontevedra deron co lume. Os labores de extinción complicáronse porque o soto era en forma de L e estaba moi pouco aireado.

Vicente Ferrería, o xefe de bombeiros de Pontevedra, dixo que un particular chegou de Salcedo, aparcou o seu coche no garaxe, e de alí a uns minutos comezou o incendio. Di que este vehículo se viu moi afectado na zona do motor e que ao ser nunha zona de interior provocou unha gran cantidade de fume.

Apagaron o lume do coche afectado, pero algún outro vehículo sufriu pequenos danos pola altas temperaturas que acadou o motor ardendo. Só evacuaron os veciños pertencentes ao edifico do garaxe en que ardeu o coche.

Vicente Ferrería, o xefe de bombeiros resume que os bombeiros actuaron moi rapidamente e que a zona foi evacuada, aínda que non foi unha situación de gravidade como para ter que evacuar o resto de edificacións.

Unha vez apagado o lume, e cos veciños de regreso ás súas casas, os bombeiros dedicáronse a tarefas de ventilación e aireado do local.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/10/2019