CRTVG

Buscar

Arde un coche na Coruña cando o seu propietario levaba o fillo ao colexio

Publicado o 07/10/2019 14:49

Completamente calcinado. Así é como quedou o coche. Aconteceu pouco despois das oito da mañá. Daquela, o seu propietario estacionou aquí mesmo o vehículo para achegar o seu fillo ao colexio.

"Nada máis deixar o coche, nin sairamos, un mozo díxonos que tiña lume detrás. Seguramente é a batería, porque estes coches lévana detrás. Non deu tempo a quitar nada. Ardeu en dous minutos", conta Gustavo Chirinos, propietario do vehículo. 

Mentres, os veciños, desde as súas casas escoitaron varias explosións sen saber que estaba a pasar. 

"Escoitamos un ruído enorme e asustámonos. Cuns golpes o todo que non sabiamos se eran cristais ou que explotaba... E logo viamos polos cristais da casa de en fronte unha cantidade de lume impresionante", relata unha testemuña.

Sen perder un intre, chamaron os bombeiros.

"Apagaron o lume. E despois xa me din conta porque me dixo meu marido que foi un coche".

O lume e mailo fume afectaron ao primeiro andar, tamén a fachada e mailo negocio que está nos baixos deste inmoble. Por iso, unha vez que o guindastre retirou o automóbil, os bombeiros, alertados pola Policía Local, achegáronse de novo ao lugar.

Malia a aparatosidade do lume, non se rexistraron feridos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/10/2019