CRTVG

Buscar

Arde un camión roubado en Guntín que estaba cargado de grupos electróxenos

Publicado o 12/08/2019 13:43

Os servizos de urxencias de Monterroso tiveron que apagar o incendio nun camión roubado que agocharon nunha leira de Guntín. Fíxense que hai tres semanas pasou un caso moi semellante no mesmo lugar e con outro coche. 

Din que a historia non se repite, pero que adoita rimar... A Garda Civil investiga o incendio deste camión nunha leira na parroquia de Vilameá, en Guntín. Na caixa levaba grupos electróxenos dos que se utilizan en concertos e eventos semellantes. Segundo algunhas fontes, o camión pertence a unha empresa do Carballiño.

Os axentes analizan as posibles conexións do suceso con outro case idéntico: hai tres semanas apareceu neste mesmo lugar un vehículo ardendo. Fora roubado nun taller de despezamento e compravenda de coches de Melide e tamén fora agochado aquí, a uns 500 metros da saída 17 da autovía que une Lugo e Santiago.

O camión apareceu ardendo a primeira hora de onte. O Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Monterroso controlou o lume porque foi o que primeiro chegou á zona. Os bombeiros de Chantada tamén traballaron na extinción das lapas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/08/2019