Arde un alpendre con apeiros agrícolas en Caldas de Reis
Tiñan un motocultor, dúas motoserras, un pequeno muíño e un conxelador coas reservas de millo para as galiñas. Tamén gardaban a leña, o carro e outros apeiros agrícolas, e todo quedou reducido a cinsas.
Foi unha veciña deste lugar da Requeixada, en Caldas de Reis, a que deu a alarma arredor das sete da mañá, ao ver o fume. Acudiron os bombeiros de Vilagarcía, que calculan que o lume tivo que orixinarse horas antes.
Malia estar rodeado de vivendas, non houbo danos máis alá do alpendre. Cren que as paredes de perpiaño e o tellado de panel sándwich contiveron o lume no interior, evitando que se propagara.
Con todo, o lume foi intenso e as altas temperaturas da combustión chegaron a fender as pedras. Os traballos para controlalo levaron horas.
Malia que quedou en pé, houbo que apuntalar a estrutura para maior seguridade, ante o risco de que afundira a cuberta.
Non hai danos persoais que lamentar e están por cuantificar os danos materiais. Todo o contido do alpendre quedou completamente calcinado.