CRTVG

Buscar

Arde un almacén con pesticidas en Vilagarcía de Arousa

Publicado o 06/04/2019 21:14

Son os primeiros momentos do lume que acendeu todas as alarmas no polígono vilagarcián de Trabanca Badiña. No interior da nave había quince toneladas de pesticidas.

"Tivemos notificación de que estaba ardendo a nave onde supostamente había almacenados produtos tóxicos, pesticidas. Unha vez no lugar, verificouse a alarma e iniciáronse os labores de extinción. Logrouse confinar o lume nunha das naves e puidemos paralo aí", relata David Padín, sarxento do Consorcio Provincial Contra Incendios de Pontevedra.

Os equipos de urxencia tiveron que actuar con rapidez para evitar que as lapas chegasen ao almacén contiguo onde se gardaba unha cantidade aínda maior de produtos tóxicos.

"A prioridade aquí era intentar controlar o lume antes de que chegase a outra nave. A verdade é que os medios traballaron moi ben e fíxose en tempo e forma. Temos perdas graves na nave que ardeu pero a outra salvouse", asegura Marcos Araújo, xerente de AXEGA.

Como medida preventiva, desaloxáronse as vivendas máis próximas á nave incendiada. Agora, responsables de Medio Ambiente avalían os posibles efectos da nube tóxica na flora e fauna da contorna.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/04/2019