CRTVG

Buscar

Arde a cociña dunha área de servizo da AP-9 en Ordes

Publicado o 03/02/2020 13:58

O incendio na cociña da área de servizo da Ameixeira, na autoestrada AP-9, en Ordes, declarouse contra as sete e cuarto da mañá. A esa hora había unha ducia de clientes na cafetería situada en dirección á Coruña e a cociñeira empezaba a preparar as tapas da mañá cando o aceite prendeu na cambota extractora.

"Estaban unhas tixolas ao lume para facer as tortillas, desbocouse o aceite e empezou a arder. Entre a persoa que estaba na cociña e o camareiro intentaron apagar cos extintores", di Mari Luz Veiras, encargada da área de servizo.

Na cociña preparaban os alimentos quentes para as dúas cafeterías desta área de servizo. A situada en dirección sur permanece aberta, pero só pode ofrecer bocadillos. A afectada polo incendio está pechada, á espera de que o perito avalíe os danos e se reparen os estragos.

"Non sabemos cando. Intentaremos abrir o antes posible, polo menos o servizo de cafetería tan pronto nos poñan a luz e a auga. A cociña tardará un pouco máis, ata que se faga de novo toda a instalación".

Os bombeiros de Ordes acudiron a apagar o lume. Ningún dos clientes quedou afectado. As ambulancias desprazadas ao lugar atenderon o camareiro e a cociñeira, por inhalación de fume e unha crise de ansiedade. A cociñeira trasladárona a un hospital de Santiago.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/02/2020