CRTVG

Buscar

Arde a cociña dun restaurante de Sada

Publicado o 10/12/2019 14:33

Totalmente desfeita: así lles quedou a cociña aos propietarios dun restaurante situado na avenida do porto de Sada. E non lles deixan tocar nada ata que veñan de novo os peritos do seguro, co cal supoñen que houbo un curtocircuíto pero non poden examinar máis. Todo isto comezou a arder cando a familia que rexenta o local estaba comendo.

Ventura Losas, membro da familia que rexenta o local, explica que  saltaron uns  contadores dentro, levantouse, foiabrir a cociña e saíu un fogonazo. Ana Iglesias di que empezaron a ver as lapas, e que o fillo pequeno colleu os extintores e apagou, con catro extintores apagaron o lume.

Tiveron axuda dos veciños, que lles levaron algún extintor, e cando chegaron os bombeiros de Betanzos estaba o lume controlado e o estrago restrinxido á zona da cociña.

Ana Iglesias explica que estaba todo de fume, os bombeiros puxeron un extractor xigante para sacalo, mediron a temperatura, 70 grados, e despois marcharon. e que por sorte non lles pasou nada.

Pola tarde pecharon, pero á mañá xa abriron de novo e atenderon a clientela ao tempo que limpaban o rastro das cinzas e contaban o que pasara no local había unhas horas. Xa avisan de que as comidas no Muelle 33 tardarán en volver a servirse, pero non así os cafés e os refrescos: o bar segue funcionando.

Noticias web

10/12/2019